![]() |
Iván Marrube Rodríguez |
O barco de Compromiso por Galicia foi construído
nunha situación de enormes desafíos, cunha clara vocación de practicar nova
política e navegar nesas coordenadas, nun contexto sociopolítico moi convulso,
nunha época de ruptura entre as vellas e novas formas de participación
política, na que hai mollarse, non vale navegar en augas mornas, nin dar debates
estériles.
O traballo dunha organización política que
entenda os retos e demandas aos que se enfronta a sociedade actual debe estar
encamiñado a artellar propostas e proxectos capaces de dar resposta aos enormes
desafíos da mesma, facer partícipe a esta dos elementos que lle afectan, con
facilidade de implicación e poder de decisión. É preciso poñer en primeira liña os valores
sociais e o activismo cívico e político, que son obxectivos
esquecidos dos partidos socialdemócratas tradicionais.
Débense artellar organizacións realmente vivas ,
nas que poida fluír a participación cidadá en todas as direccións, que poidan
canalizar o traballo e aportacións da cidadanía de forma útil en favor do
interese xeral. Hoxe en día é preciso cambiar a maneira de entender a acción
política, de practicala, tanto dentro das organizacións políticas como de
portas para afora, débese dar renda solta a vocación de servizo público.
Hai que darlle valor á participación cidadá, ao
papel da sociedade civil como protagonista, promocionar o cambio da indignación
a implicación, artellar ferramentas políticas verdadeiramente útiles e acadar
os gobernos para transformalos.
Todo isto, sen falar do grao de responsabilidade,
non foi capaz de entendelo quen definiu o rumbo deste barco, quen non
fixo máis que afastarse do obxectivo para o que foi creado dende o momento que
se botou ao mar, a pesares das advertencias e avisos de moitos mariñeiros.
Despois dunhas eleccións galegas nas que se fixo un
moi digno papel tendo en conta as circunstancias, perdeuse a virxindade
política nas eleccións europeas, nunha batalla que se deu con
compañeiros de viaxe que non se sitúan na mesma trincheira. Tampouco se foi
capaz de entender a situación política nas eleccións municipais (a pesar do
gran papel feito polos compañeiros e compañeiras en moitos concellos, ben en
solitario ben formando parte de candidaturas de unidade popular). Isto
confirmouse nas xerais, nas que optamos por deixar o barco no porto en lugar de
saír a navegar.
Non se foi capaz de entender que o minifundismo
social non é útil na loita, que partiriamos sempre dunha mellor situación
individual baixo os éxitos dunha loita colectiva.
É o momento de actuar sen ningún tipo de
complexo, xa non vale "o si, pero non", con xenerosidade total,
fundamentando o noso traballo unicamente baixo criterios de interese xeral e
ben común. Cada día somos máis os que militamos en ideas en non en siglas, e
estas para estar vivas, han de ser ferramentas políticas útiles para as
demandas da sociedade.
Cómpre sen demora, dar un xiro decidido, marcar
xa novas coordenadas, dirixir o barco de Compromiso cara a unha
integración na flota da marea e remar de forma útil para un cambio de goberno
no País.
Cando non se fai máis que mirar para atrás,
pendente das áncoras do pasado, as túas velas nunca colleran o ar do vento do
futuro.
Iván Marrube Rodríguez, foi o nº1 na lista de Compromiso pola provincia de Lugo, nas eleccións o Parlamento Galego en 2012
Iván Marrube Rodríguez, foi o nº1 na lista de Compromiso pola provincia de Lugo, nas eleccións o Parlamento Galego en 2012