Vivimos tempos de mudanzas, confusos, onde as
certezas doutra hora e os paradigmas existentes axudan moito menos que
antes para comprender a realidade política que nos rodea. A política
galega non é allea en absoluto aos novos tempos e os últimos
acontecementos electorais viñeron a reconfigurar parcialmente o mapa
político; nalgúns casos precipitando tendencias xa existentes, noutros
minando a fortaleza de ofertas políticas que parecían graníticas como as
do Partido Popular.
![]() | |
Manuel González López |
Nese contexto os actores políticos existentes e os que naceron neste
proceso de creación destrutiva, por usar a terminoloxía de Joseph
Schumpeter, teñen dúas opcións. Agardar a que escampe, a tempos
mellores, ou adaptarse acorde aos ritmos e á dirección que marca a
sociedade. As dúas xeran incertezas, as dúas teñen custes e beneficios
pero, non nos equivoquemos, as dúas son escravas da ditadura que xoga o
“hoxe” en política. Recollo aquí as verbas de John Maynard Keynes “no
longo prazo todos mortos”, e non coa finalidade de xuntar a dous
economistas insignes do século XX no mesmo parágrafo.
No caso que nos ocupa, o de Compromiso por Galicia, coido que é momento
de realizar unha aposta decidida por sumar o seu capital político e o
seu acervo ideolóxico a ese suxeito en construción nucleado pola Marea.
Negar que iso significa facer concesións na nosa práctica política e
tamén concesións ideolóxicas sería negar o evidente. Pero non tomar esa
decisión sería ignorar o que, gústenos ou non, nos vén dicindo a
sociedade dende que nacemos até hoxe. E o que nos está a dicir é que alí
onde Compromiso pode presumir de gañarse a súa confianza, que foi polo
momento só no ámbito municipal, as sinerxías e a compatibilidade coa
Marea é practicamente plena. Alí onde temos alcaldía (Vilar de Santos,
Lalín e Muros) e onde obtivemos un resultado superior ao 20% (Maceda,
Outes e Ourol) Compromiso non competiu coa Marea e/ou percibiuse como a
alternativa ás forzas políticas clásicas. Esta dinámica é a mesma en
practicamente todos os concellos nos que obtivemos representación en
solitario (A Baña, Arzúa, Barbadás, Betanzos, Cualedro, Guitiriz,
Láncara, O Paramo, Ribadavia, Samos e Taboadela). Evidentemente a
compatibilidade é plena alí onde o partido ou a nosa afiliación se
presentou en fórmulas plurais asimilables á Marea como en A Coruña, A
Pobra, As Pontes, Culleredo, Lugo, Noia ou Sarria. Tamén o é na maioría
dos concellos onde nos presentamos pero non obtivemos representación.
En definitiva, é o momento de virar o rumbo e de tomar decisións que
por ser complexas non deixan de ser precisas e inmediatas. Debémolo
facer sen renunciar ao noso proxecto e a agrandar unha casa na que
sabemos que moitos homes e mulleres, algúns aínda noutras, se sentirían
cómodas. Hoxe o galeguismo socialdemócrata precisa á Marea para poder
ser útil á sociedade do mesmo xeito que, sen ánimo pretensioso, penso
que a Marea precisa de Compromiso para poder avanzar cos pés máis
apegados á terra.
Manuel González López, é Concelleiro de Compromiso en Outes
Manuel González López, é Concelleiro de Compromiso en Outes