![]() |
Paulo Carlos López López |
Pode semellar pouco orixinal, mesmo repetitivo e manido por veces, o concepto de abrirse á sociedade.
Non obstante, convén lembralo, porque retrospectivamente foi tamén
utilizado en contextos de confronto -mesmamente menos amigables- de
posicións políticas hai non tantos anos. Algúns utilizámolo nese preciso
momento de encrucillada, mais tamén o facemos agora sen ningún tipo de
reparo (a realidade semella cíclica) cando indicamos que as
organizacións políticas son patrimonio da afiliación, pero tamén da
cidadanía. Ao fin e ao cabo, os partidos medran na medida en que son
útiles, e non na medida en que se converten nun fin en si mesmos ou ao
servizo do mantemento do posto orgánico (e aquí si os verdadeiros postiños) para unhas direccións que teiman en dar as costas á sociedade. Diciamos daquela (os e as aperturistas,
chamábannos de xeito despectivo) que moito mellor unha organización
máis grande e con vocación de gobernar, que unha pequena e controlada;
que non hai proxecto político, e moito menos con vocación
transformadora, que poida triunfar se nos conformamos co 1% dos votos; e
incidimos agora que non estamos ante unha Convención de
“clarificación”, porque se a enfocamos así estaremos perdidos.
Irremediablemente perdidos. Aquí -e falo en xeral, non se me
malinterprete- vénseme á cabeza Michels, a burocracia partidaria, a non
permeabilidade aos argumentos e a inexistencia da escoita activa, a
incapacidade de interpretación da realidade manifestada elección tras
elección, a ausencia de diálogo interno, e moitas eivas innatas á
maioría das estruturas partidarias. O que algúns cualificaron -moi
acertadamente-, como vella política.
Este domingo 17 de abril Compromiso ten que realizar un profundo –e
sincero- debate de análise da sociedade na que vivimos, a do ano 2016, a
que verdadeiramente é e non a que queremos que sexa, coa conseguinte
conclusión do deber de abrirse á sociedade. Recuperar a vocación de
goberno que sempre caracterizou ao conxunto da súa afiliación,
simpatizantes e votantes ao longo da súa traxectoria vital; conectar cos
sectores máis dinámicos dunha Galicia que a día de hoxe están a confiar
en En Marea, a xente moza, profesionais liberais ou electorado urbano,
achegando a nosa modesta (pero importante!) capacidade de introdución en
vilas medias e concellos do rural que a organización ten consolidado,
para que o cambio político sexa o máis simétrico e simbiótico posible.
Abrirse á sociedade sabendo que o cambio e a derrota do Partido Popular
está moi preto e que dependerá de poucos miles de votos; e sabendo que
facer política é facela aquí e no momento actual, para aplicar un
programa sustentado nas nosas bases fundacionais: socialdemócratas,
galeguistas e progresistas. Non outras. Isto é: autogoberno, Estado de
Benestar e democracia radical. O que dixemos aló por 2012 e que estamos a
reafirmar coa nosa acción de goberno nos concellos. O que fan María
Xosé Alfonso en Muros; Rafael Cuíña en Lalín ou Xan Jardón en Vilar de
Santos; mais tamén o que fan Xulio Ferreiro na Coruña, Xosé Lois Piñeiro
na Pobra ou Martiño Noriega en Compostela.
Á hora de tomar decisións (na vida ou na política, tanto ten) temos
que saber analizar o contexto no que unha persoa – ou un partido
político- se incardina. Compromiso por Galicia ten algo moi positivo
(aquela emenda fundacional do bo compañeiro da Coruña, Rafael Calvo),
que é que as decisións na política de alianzas para os procesos
electorais tómaas a afiliación e non unha Executiva ou un Consello
Político Nacional. En Compromiso sempre empoderamos á nosa
xente, e isto conleva unha enorme responsabilidade. Eu só lles pido aos
homes e mulleres de Compromiso que escoiten á cidadanía que nas
anteriores eleccións municipais depositou a súa confianza en nós e nos
deu representación municipal en Outes, Betanzos, A Baña, As Pontes,
Maceda, Muros, Barbadás, Sarria, ou Taboadela, ao igual que noutros
lugares, e lle pregunten que é o que debemos facer. Por nós, sen dúbida,
¡claro que si! Pero sobre todo (e fóra retórica) polo País.
Presentarnos ás eleccións en solitario para pode que, quizais, quen sabe...
Ou asumir a responsabilidade do aquí e do agora, que non é outra cousa,
nada máis e nada menos, que achegar o noso grao de area para liderar o
goberno do País.
Así, o vindeiro día 17 de abril a nosa organización ten que apostar
por abrirse á sociedade, por medrar e por reforzar a súa identidade
partidaria sumando a En Marea para gobernar Galicia. Un espazo
imperfecto pero en construción que de seguro que terá unha mellor base
cos e coas galeguistas de Compromiso.
Nota 1: Non se me ocorre mellor candidato e referente de Compromiso por Galicia en En Marea que Xoán Bascuas.
Nota 2: Urxe un cambio político no País, porque ante o pode que,
quizais, quen sabe, temos varias xeracións de galegos e galegas que
estamos emigrando para poder seguir a medrar persoal e profesionalmente,
expulsados polas políticas de Feijóo. Compromiso ten que estar á
altura.
Nota 3: O espazo político de Compromiso, o marcado polos
estatutos, o declarado na noso Congreso Fundacional, repetido e
recollido en varios textos que remarcan a nosa vocación cooperativa e
transformadora, é o que a día de hoxe significa En Marea. Non nos
enganemos.
Paulo Carlos López López, foi candidato de Compromiso por Galicia nas Eleccións Europeas