Bases para un galeguismo útil

A FONDÍSIMA CRISE do BNG, o fracaso na constitución do Grupo Parlamentario de En Marea e máis as insuficiencias do galeguismo político para conectar coas novas realidades sociais están a xerar importantes realiñamentos políticos. Medra a conciencia de que compre unha ampla converxencia para que o galeguismo reinvente a súa condición de forza útil e garantía  de boa gobernanza.
Xoán Antón Perez Lema

    Semella que esta converxencia habería ir moito máis aló que un simple reagrupamento ou “patchwork” de convencidos e vellas glorias. Para ser útil o galeguismo ten que resintonizar co País, nomeadamente coa xente máis nova., Ten que interpretalo e construir un relato novo. E para iso compre unha estruturación moi plural e horizontal, dende a adscrición individual, trascendendo dos estreitos límites orgánicos dos actuais partidos políticos. E percurando unha vocación cidadá, aberta e integradora.

  Porque un galeguismo útil habería partir da nosa identidade, mais estará moito máis preocupado por Galicia como proxecto cívico e como vontade de ser. E interpretará o autogoberno como o instrumento imprescíndibel para o noso benestar, á vista de que os alicerces estratéxicos da nosa economía son absolutamente prescindíbeis para o Estado español.

  Un galeguismo útil só pode basearse na convivencia interclasista nos valores da inclusión e cohesión social. Priorizando os servizos públicos como garantía de benestar. O que esixe tomar conciencia da necesidade dun novo financiamento autonómico e local e dunha compensación a xeito pola nosa vocación de produción enerxética.

 Unha tal reformulación do galeguismo está chamada a se entender co progresismo español, nomeadamente con Podemos. Para gobernar e mesmo, probábelmente, para forxar combinacións electorais exitosas. Son forzas que partillan obxectivos no curto, mais dan vida a proxectos moi distintos .

 Un galeguismo útil ten vocación de goberno e quere cogobernar axiña. É consciente das dificultades deste momento histórico, non promete asaltar os ceos nin o Palacio de Inverno e fornece día a día de solucións fondamente transformadoras, pero posíbeis. Porque sabe que o patriotismo, a honradez e o proxecto de País esixen unha gobernanza pragmática e útil para a cidadanía.
O autor é avogado

 Xoán Antón Perez Lema, é membro do Consello Político Nacional de Compromiso por Galicia

Artigo de Xoán Antón Perez Lema para El Correo Gallego
COMPROMETIDOS COA MAREA